O líder do XGZ non sufriu danos como consecuencia dunha perigosa caída na última etapa e este xoves xa está de novo na estrada.
Herrero axuda o Ezequiel Mosquera
O Xacobeo Galicia (XGZ) reviviu na 17ª etapa da Vuelta 2009 a xornada de Liexa. A crónica final ten bastante de parte de guerra. A Gonzalo Rabuñal aplicáronlle once puntos na perna esquerda, e Ezequiel Mosquera, logo de ser atendido en carreira e na zona de meta, foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Talvera de la Reina, para se someterse a un escáner.
O líder do XGZ sufriu unha caída cando a etapa atravesaba a localidade de La Puebla de Montalbán, a 77 quilómetros de meta. Nun resalte da estrada, dos que se usan para minorar a velocidade dos coches, a bicicleta de Ezequiel Mosquera recibiu unha forte sacudida e o ciclista perdeu o control, caendo ao chan e batendo no asfalto coa testa e co costado esquerdo, o mesmo que se golpeou en Liexa.
O máis preocupante foi o golpe que recibiu o ciclista na cabeza, provocándolle unha conmoción momentánea. Por un momento pensouse na súa retirada, porque cando volveu subir á bicicleta comezou a se lle anubrar a vista. Os médicos de carreira atendérono sobre a marcha e, ao comprobar que o seu estado se normalizaba, permitíronlle continuar, para sometelo posteriormente a un escáner.
Os resultados da exploración foron moi satisfactorios, porque non revelaron ningunha lesión de maior alcance que a conmoción propia do impacto e as erosións no costado esquerdo. Con Mosquera caeu o seu compañeiro de equipo David García, sen lesións de consideración, así como un bo número de corredores, entre estes, o segundo da xeral, o holandés Gesink, Juanjo Cobo (Fuji) e Danielson (Garmin).
"Pasei medo e por momentos pensei en retirarme"
Cando rematou a etapa, Mosquera sinalou que non lembraba nada da caída. "Só recordo os meus compañeiros que me estaban axudando e o médico da carreira tranquilizándome. Neses momentos vía borroso, estaba mareado", comentou.
"Só pensaba en baixar da bicicleta, estaba un pouco desorientado e púxome medo, mais despois, coa axuda dos meus compañeiros logrei introducirme no grupo. Grazas a eles salvei a situación e mañá (por este xoves) espero atoparme ben, dixo, e engadiu: "O casco salvoume a vida".