O conxunto galego volveu ser o máis agresivo da etapa cunha grande actuación de Serafín Martínez e de David Herrero, que acabou segundo.
David Herrero
O Xacobeo Galicia está a meterse en todas as batallas da Vuelta a España 2009. Os equipo galego non desaproveita ningunha ocasión para loitar polo triunfo de etapa, aínda que por agora só Gustavo César Veloso conseguiu unha vitoria. Na 15ª tirada, que se correu este luns con chegada en Córdoba, brillaron David Herrero e Serafín Martínez. Coas súas actuacións levan ao Xacobeo Galicia ao liderado da clasificación por equipos. Os de Álvaro Pino teñen agora unha vantaxe de 20:51 minutos sobre o Caisse d'Epargne, o que lle dá moitas opcións de chegar a Madrid como mellor equipo da competición.
O equipo galego volveu ser o protagonista da etapa. Herrero e Martínez metéronse na escapada boa, aínda que ao final cederon ao empuxe de Lars Boom, gañador da etapa. David Herrero intentou contactar con el, pero só conseguiu chegar segundo. É a terceira vez que un ciclista do Xacobeo queda en segunda posición, ás portas do triunfo, desde que a carreira chegou a Andalucía.