O ex futbolista portugués Luís Figo pon en marcha unha web para que os novos talentos de todo o mundo ensinen as súas habelenzas en vídeo.
O fútbol tamén é un enorme mercado de soños. Centos de milleiros de mozos de todo o mundo soñan con emular as carreiras de Lionel Messi polos campos de media Europa e as empresas non son alleas a estas arelas. As novas tecnoloxías tamén simplifican o traballo dos observadores dos grandes clubes e algunhas compañías están dispostas a que a rede se convirta nun escaparate de posíbeis profesionais.
O último exemplo vén da man da Football Dream Factory, propiedade do ex futbolista portugués Luís Figo. Esta empresa anuncia que a partir deste domingo vai poñer en marcha unha web que “vai promover a igualdade de oportunidades no fútbol coa utilización do vídeo e de internet”.
O novo experimento quere que os candidatos a ser profesionais do fútbol poidan crear un perfil de xogador e enviar vídeos (dun máximo de catro minutos) nos que ensinen a súa habelenza co balón. Os vídeos quedarán arquivados na páxina electrónica. Os dez que conten con máis visualizacións cada semana serán avaliados por un grupo de profesionais.