Seareiros Galegos organiza, sen apoio institucional, un partido entre a selección e un combinado de estranxeiros. A cita, en Compostela, o 26 de decembro.
Non haberá tanta xente nas bancadas, nin estrelas mediáticas enriba do céspede, pero as cores azuis e brancas da Irmandiña volverán saltar a un campo de fútbol. Mentres a Xunta mira para outro lado, o colectivo Seareir@s Galegos ultima un encontro entre a selección nacional de fútbol e un combinado de xogadores estranxeiros que xogan en Galiza. A cita está marcada: será o vindeiro sábado 26 no campo de fútbol de Santa Isabel.
O equipo irmandiño estará composto por xogadores da Terceira División, aínda que tamén se agarda a presenza de deportistas que militan en clubes da Segunda B. Aínda que non está confirmada a súa presenza, os seareiros puxéronse en contacto co adestrador Fernando Vázquez para que dirixa outra vez o combinado.
Mentres que dende a Xunta botan balóns fóra asegurando que é a Federación Galega de Fútbol a que ten que organizar o evento, fontes de esta entidade xa lle confirmaron a Vieiros que non está prevista a celebración de ningún partido. O motivo é que dende o Goberno non se destinou ningunha partida económica para o evento, o que imposibilita encontros como os celebrados a pasada lexislatura onde a Irmandiña se mediu con Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán.
O pasado mes de setembro, o secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete pronunciaba unhas palabras máis que ambiguas. A pesar de aseguraba que as seleccións galegas ían seguir existindo afirmaba que “non imos facer política co deporte”.