As centrais reúnense esta cuarta feira para "analizar" o escenario de cara a retomar as negociacións do convenio colectivo á volta do verán.
A actividade reanudouse o 7 de xullo
Representantes das federacións do Metal dos sindicatos CIG, UXT e CC.OO reúnense esta cuarta feira co xefe provincial da Inspección de Traballo, Xosé María Casas de Ron, para "analizar" o escenario de cara a retomar as negociacións do convenio colectivo, logo de que rompesen hai semanas, após un mes de folga.
A reunión convocouna o propio Casas de Ron para as 9.30 horas na sede da Inspección. Porén, os representantes dos traballadores son escépticos sobre os resultados desta "simple toma de contacto", e prevén que a reunión será "para sondar os sindicatos" e "preparar o escenario" para a volta do verán.
Miguel Anxo Malvido, da CIG, enmarcou o encontro na intención da Administración de "xustificar que fai algo", e recordou que "neste momento non hai posibilidades de nada". Ramón Sarmiento, de CC.OO, aventurou que a reunión "non será moi transcendente". E Diego Atanes, de UXT, afirmou que servirá "para facer unha declaración de boas intencións e pedir responsabilidade".
A proposta dos traballadores: Catro eixos básicos
O sector metalúrxico da provincia de Pontevedra, con máis de 25 mil traballadores dunhas dúas mil empresas retomou a súa actividade o pasado 7 de xullo, logo de case un mes de folga, e co novo convenio colectivo sen asinar debido ás diferenzas coa patronal e á propia división entre os sindicatos.
Os representantes de CIG, UXT e CC.OO mantiveron varias xuntanzas para "recuperar a unidade de acción sindical" e consensuaron unha proposta para levar á mesa de negociación cando esta se volva reunir.
Esta xira sobre catro eixos: a vixencia, o incremento salarial -que a CIG di "se ten que achegar necesariamente ao 4,5%"-, a regulación da xornada e a regulación da contratación no sector naval -incluída polas presións do sindicato nacionalista.