Delfín Fernández asegura que se cometeron infraccións como resistencia á autoridade, desordes ou incautación de obxectos e armas perigosas.
Na manifestación celebrada en Santiago de Compostela houbo un importante despregamento policial
Os traballadores do sector do metal da provincia de Pontevedra comezarán a recibir a partir da vindeira semana "decenas e decenas de sancións" porque "se pasaron da raia con moita frecuencia e non todo está permitido". Así se manifestou o subdelegado do goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández, quen asegurou que durante a folga se cometeron moitas infraccións á lei de seguridade cidadá, entre as que nomeou delitos como "resistencia á autoridade, desordes ou incautación de obxectos e armas perigosas".
Algunhas seguirán a vía penal
Ademais, Fernández asegurou que algunha destas denuncias serán cursadas nos xulgados, xa que hai atestados levantados de carácter penal. "Os axentes da autoridade non poden mirar para outro lado", dixo recordando que é a obriga da Subdelegación dar curso a todas as denuncias xa que, no caso contrario, "estaría prevaricando".
Ao tempo, o responsábel político felicitou aos corpos policiais pola súa actuación no conflito do metal, xa que, ao seu entender, "cumpriron a súa difícil misión de xeito moi satisfactorio". A este respecto, destacou o seu labor ao compaxinar "o dereito dos traballadores a manifestarse co dereito dos que quixeron seguir traballando, cos dereitos dos cidadáns a moverse en liberdade polas rúas da provincia".
As sancións seguirán o seu curso
Entre as accións obxecto de denuncia atópanse os numerosos cortes de tráfico, algún na autoestrada, a queima de contedores, danos no mobiliario urbán, lanzamento de pedras, bombas de palenque ou cócteles molotov.
Ademais, Álvarez informou de que aínda se están a investigar outros sucesos como os ataques a un caixeiro automático en Vigo cun artefacto explosivo ou os dun concesionario de Nigrán. Con todo, até o momento, non hai ningunha proba que confirme a relación entre estes incidentes e o conflito do metal