O colectivo lémbralle ao PPdeG a súa promesa electoral e valora a permanencia de Mancomún como unha ferramenta de galeguización.
A Ciberirmandade da Fala, entidade que defende o uso do galego na internet, acaba de poñer en marcha unha nova campaña para pedirlle ao Goberno que siga a apoiar o software libre. A Ciberirmandade, aínda que non defende todas as decisións do anterior executivo, valora a creación do centro Mancomún, que permitiu que diversas ferramentas, como Firefox ou OpenOffice.org, estivesen traducidas á nosa lingua, ou que se crease o sistema operativo Galinux.
Por iso, o colectivo de internautas fixo dispoñíbel unha páxina para enviaralles correos electrónicos a distintos membros da Xunta e do grupo parlamentario do PPdeG. A petición é que cumpran a súa promesa electoral de apoiar o software libre e que sigan mantendo en funcionamento Mancomún, un servizo que demostrou tamén a súa efectividade na promoción do galego nas novas tecnoloxías.