A parlamentaria do BNG Ana Luísa Bouza preguntoulle á Xunta se seguirá a aplicar o vixente PEGSI, obviado no Plan de medidas urxentes aprobado a semana pasada.
A ausencia de mencións ao software libre no Plan de medidas urxentes aprobado polo Goberno espertou as dúbidas do BNG sobre a política que vai levar a cabo a Xunta nos vindeiros anos en relación ás tecnoloxías da información. A parlamentaria Ana Luísa Bouza presentou unha iniciativa na que denunciou a "falta de apoio ao software libre, en galego e ás empresas TIC galegas".
Bouza lamentou o feito de que a Xunta vaia investir 8,34 millóns de euros até 2010 nese eido sen mencionar esas liñas estratéxicas no plan de medidas urxentes, que inclúen a licitación dun novo Plan Estratéxico no mes de xullo. A parlamentaria criticou que non haxa referencia aos requisitos da licitación nin ao "apoio ao software de estándares abertos" ou "en galego e por empresas TIC" do país.
A deputada nacionalista amosou a súa preocupación polo silencio sobre o "Plan estratéxico Galego da Sociedade da Información 2007-2010 (PEGSI) que está en vigor" e que ten medidas "pendentes de desenvolver e xa orzamentadas". Por iso, pediulle ao Goberno que asuma o PEGSI e lle dea continuidade e preguntoulle se "ten un calendario de extensión da banda larga" no rural e "cales van ser os seus criterios de apoio ao software libre e ás TIC".