Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COMEZA A COMPETICIÓN O 17 DE MAIO

Gómez Noya monta na bici para ultimar a preparación

O ferrolán adicou as últimas semanas da súa posta a punto a mellorar enriba da bicicleta, axudado polo Club Ciclista de Cambre.

Redacción - 11:45 26/04/2009

Achégase o comezo da tempada de triatlón para Xavier Gómez Noya, e o ferrolán segue poñendo a punto a maquinaria que o fixo dominador mundial desta disciplina nos últimos anos. Despois de aproveitar as inclemencias climáticas do inverno para centrarse na natación, coa primavera chegou o bo tempo e Gómez Noya montou na bicicleta para celebralo.

Nas últimas semanas Xavier participou en varias carreiras co equipo do Club Ciclista Cambre, entre elas a Volta a Galiza. Así, correu varias clásicas para afeccionados en Zamora, Santander e Eibar chegando en todas ben situado dentro do grupo principal e durante a pasada semana correu tamén a Volta a Galiza. Malia que tiña pensado participar en só dúas etapas rematou tomando a saída nas catro primeiras tiradas e retirándose antes de comezar a última, clasificado nesee momento como 12º da xeral.

Non se retirou por mor da fatiga, senón por recomendación do seu adestrador, que puxo a mesura fronte á ilusión de Gómez Noya por rematar a carreira. Tocoulle baixar da bicicleta e comezar a harmonizar o peso das tres disciplinas (carreira a pé, natación e bicicleta) nos seus adestramentos, porque a nova tempada xa chama á porta. Será o día das letras galegas na súa casa adoptiva (leva varios anos vivindo en Pontevedra) cando Gómez Noya comece a primeira tempada do ciclo olímpico que concluirá en Londres no ano 2012.

O 17 de maio correrá na Copa de Europa que se disputará á beira do Lérez e mirará de repetir a vitoria do ano pasado. Esta será a súa primeira carreira porque renunciará a participar na carreira inaugural das Series Mundiais. Prefire descartar esta primeira proba e aforrar a fatiga que suporía viaxar até Corea para competir alí o día 3 de maio. Isto é posíbel grazas ao novo formato da competición mundial que só obriga aos triatletas a participar en cinco das oito carreiras, incluíndo obrigatoriamente a final que se disputará no mes de setembro, en Australia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: