Tres milleiros de persoas piden que a Xunta non lle dea autorización ambiental a Ence para que non se consolide na ría.
Arredor de tres milleiros de persoas manifestáronse este venres á noitiña pola cidade de Pontevedra, convocadas por Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), para exixirlle á Xunta que non lle conceda a autorización ambiental integrada que as empresas Ence e Elnosa solicitaron para manter a súa actividade industrial en Lourizán.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, encabezou unha das pancartas, acompañado por varios cargos municipais e nacionais do BNG. Criticou que "se estean a dar pasos atrás" en relación ao futuro do complexo industrial, porque dende a Consellaría de Medio Ambiente "non hai unha mensaxe clara de que a empresa tense que ir".
Neste senso, confiou en que o departamento que dirixe o socialista Manuel Vázquez reciba "o recado de cidadanía" a través desta manifestación.
A marcha concluíu coa lectura dun comunicado por parte do actor Celso Bugallo, onde a APDR advirte de que se as empresas obteñen a autorización ambiental integrada darían "un paso máis na súa consolidación. Por iso, o colectivo cidadán apela á mobilización social e asegura que o momento actual "pode ser decisivo".
Membros do PSdeG na marcha
Á manifestación tamén asistiu a tenente de alcalde, Teresa Casal, e varios representantes municipais do PSdeG, malia que a dirección provincial do partido non amparaba a mobilización.
Casal expresou o seu apoio á saída de Ence da súa actual situación e, aínda que asinou un informe urbanístico desfavorábel á empresa para a tramitación desta autorización, entende que "haxa razóns legais e imperativas" para que a Consellería de Medio Ambiente poida conceder a devandita autorización.