Colectivos de todo o país reúnense nunha mobilización que busca "impedir a consolidación" do complexo Ence-Elnosa na ría pontevedresa.
O presidente da Asociación pola Defensa da Ría, APDR, Antón Masa, explicou hai xa días e durante a presentación da manifestación deste venres (ás 20h30 en Pontevedra) que se trata dunha convocatoria necesaria para reprobar a "escasa vontade política" que estaría amosando a Xunta diante do conflito con Ence e Elnosa.
Masa recordaba ao respecto as últimas declaracións de Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, sobre este tema, e advertía contra a intención do Goberno de "con toda seguridade" concederlle ao grupo empresarial a autorización ambiental. Unha concesión que, segundo a APDR "coa lei na man sería ilóxica e irregular". "Todo fai pensar que esa concesión levará consigo a consolidación do complexo industrial na ría", láiase Masa. Ese estremo supón, segundo denuncian desde o colectivo, "unha tomadura de pelo" aos veciños de Pontevedra.
Fronte a esa situación, este venres ás 20h30 sairá da Praza da Ferrería unha manifestación para a que xa anunciaron o seu apoio e asistencia ducias de colectivos de toda Galiza.