Acaba de rematar os estudos, e é a autora da imaxe do vestiario infantil que gañou o concurso convocado por Vicepresidencia.
Co comezo do curso nas Galescolas tamén chegou a agardada estrea dos uniformes para o alumnado. Oito dos 23 centros que dependen do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xa abriron as súas portas e o resto farano nas vindeiros días.
Os uniformes, destinados ao alumnado a partir dun ano de idade, son en si mesmos tamén unha ferramenta educativa, pois levan grandes botóns de cores que encaixan en cadanseu ollal da mesma cor. Os mandilóns entréganse de balde ás familias, xunto a unha axenda, un marcapáxinas e unha bolsa para gardar a muda de roupa.
Vicepresidencia convocara un concurso para escoller a imaxe dos mandilóns, decisión que fora moi criticada no seu momento mesmo dende medios de fóra do país. A autora seleccionada do deseño da roupa para os cativos é Alba Remeseiro, unha nova creadora de moda lalinense que acaba de rematar os seus estudos.
Vieiros: En que se inspirou para o seu deseño?
Alba Remeseiro: Os tres últimos anos estiven en Madrid. Inspireime no que todos os galegos vemos ao entrar na nosa terra. Pasamos de ver a terra lisa, chá e marrón da meseta á paisaxe verde e ondulada de Galiza. O deseño orixinal que presentei era en dúas cores: verde e azul, as nosas cores máis típicas, co verde do campo e o azul do mar. As liñas redondeadas do uniforme tamén simbolizan os montes galegos.
V: Como lle xurdiu a idea de se presentar ao concurso?
A. R.: É o meu primeiro traballo, e non tiña nin idea de que o ían escoller. Cando saíu a convocatoria no DOG, meus pais avisáronme, e presenteime.
V: Xa viu o uniforme rematado? Que lle pareceu?
A. R.: Si, vino o outro día na apertura do curso, en Vilaboa. Pareceume que quedou moi ben. Fíxome moita ilusión vérllelo posto aos rapaces.