Deseñar uns traxes axeitados para o persoal educador e coidador das Galescolas, e mandilóns para os cativos, ten premio. Un único galardón de 6.000 €, en concreto. A Vicepresidencia da Xunta publica hoxe no DOG as bases que rexen o concurso de ideas. Pódense presentar solicitudes até o próximo 19 de febreiro, e participar nel todas as persoas físicas ou xurídicas, maiores de idade, que o soliciten. Xa saben: as prendas deben de facilitar a liberdade de movementos, ser resistentes a xogos e trasnadas e doadas de manter. O deseño, ademais, ten que encaixar co logo escollido para identificar as Galescolas e ofrecer unha imaxe vencellada a elas. Premiaranse a innovación e creatividade, a estética, a funcionalidade e viabilidade e a simplicidade na confección. Aquí poden consultar as bases.