As Universidades de Compostela, Vigo e A Coruña organizan cursos da nosa lingua para estranxeiros, uns seminarios moi solicitados.
Un verán máis, e xa van 23, mozos de todo o mundo están a achegarse até Galiza para coñecer a lingua e a cultura galegas. Alemáns, brasileiros, rusos, españois, italianos ou xaponeses, entre moitas outras nacionalidades, participan nas Universidades de Compostela, Vigo e A Coruña en diferentes cursos ben de iniciación ben de perfeccionamento cos que adquirir os coñecementos necesarios para desenvolvérense en galego.
Os primeiros en chegar foron os 85 estudantes que esta semana recalaron en Santiago de Compostela para asistir a esta XXIII edición dos cursos de verán que organiza o Instituto de Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago. Desta volta son 27 os países de procedencia de todos os participantes que amosaron, no seu primeiro día, un especial interese tanto pola lingua galega como pola súa cultura e a súa paisaxe.
Manuel Rivas, Iolanda Castaño, Uxía Senlle, Xesús Alonso Montero ou María Yañez serán algúns dos expertos nas letras galegas que participarán nos encontros literarios que xa están previstos. Asemade, os 85 alumnos poderán visitar algúns dos lugares máis emblemáticos de Galiza con saídas culturais a distintos puntos como as Fragas do Eume ou o Baixo Miño. Nas presentacións, o director dos cursos e membro da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei, destacou a presenza dunha alta porcentaxe de alumnos españois, así como o incremento de estudantes alemáns, estadounidenses ou franceses.
Recuperamos as conversas de Vieiros cos alumnos do ano pasado
Vídeo 2: Así nos explicaban como entendían o conflito lingüístico entre galego e castelán