Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO ANIVERSARIO DO PLEBISCITO DO 36

"Castelao e Rosalía son hoxe prisioneiros no Panteón de Galegos Ilustres"

Cun acto perante a igrexa de San Domingos de Bonaval, o BNG reclamou a apertura ao público do panteón no que repousan os restos de Rosalía, Castelao, Brañas ou Cabanillas. Vídeo no interior.

Redacción - 19:30 28/06/2010

Que se chegue a un acordo coa Igrexa ou que, directamente, se lle expropie. Estas son as dúas alternativas que o BNG lle ofrece á Xunta de Galiza con respecto ao Panteón de Galegos Ilustres. Así o dixo o seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, nun acto público que se celebrou perante a igrexa de San Domingos de Bonaval este luns, no día en que se celebra o aniversario do plebiscito do Estatuto do 36. Xunto coa secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, ambos os dous exixiron a reapertura ao público deste lugar no que repousan os restos de Rosalía de Castro, Alfonso D. Rodríguez Castelao, Alfredo Brañas ou Ramón Cabanillas.

Nun discurso no que lembraron que San Domingos de Bonaval fora un ben expropiado á igrexa xa durante as desamortizacións liberais do século XIX, o BNG criticou á xunta "por non mover un só dedo para liberar a Castelao e a Rosalía", dúas personalidades "interesadamente silenciadas" e que, na actualidade "están secuestrados", insistiu Vázquez, "vedados ao público". "É impensábel que calquera nación que teña uns poderes políticos dignos esqueza os seus símbolos", insistiu ao tempo que culpou ao poder xudicial español dunha "decisión caprichosa" que permite que a igrexa católica recupere esta propiedade e "clausure entre catro paredes os nosos símbolos nacionais".

O portavoz nacional do BNG subliñou que "para os partidos estatais, Rosalía e Daniel continúan a ser figuras incómodas, non por nada, senón porque tamén os incomoda a condición nacional de Galiza". "Abrazar Rosalía e Daniel, permitir que os escolares por exemplo se acheguen a este Panteón, é tanto como abrazar a idea de que Galiza é tan nación como a que máis", explicou. Finalmente e antes de entoar o himno nacional, Guillerme Vázquez exixiu á Xunta que tome a iniciativa e adopte "as medidas necesarias" para que o Panteón de Galegos Ilustres "volva ser un espazo laico e público".


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Acto celebrado perante a igrexa de San Domingos de Bonaval

Imaxes: Isabel G. Couso
Imaxes: Isabel G. Couso