O Bloque acusa o goberno español de "obviar na UE" os temas da axenda galega e critica as imprecisións sobre as supostas xestións sobre os estaleiros de Fene.
Cartaz da mobilización cidadá en Ferrolterra o pasado marzo
"Non renunciei, pero é difícil", explicou o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, interpelado esta cuarta feira no Congreso sobre as xestións oficiais realizadas para o levantamento do veto sobre o estaleiro de Fene. "Falei disto coa comisión en máis dunha ocasión, pero é difícil lograr os obxectivos que queren: sei que teñen un respaldo considerábel en Galiza e que alí é un tema sobre o que existen expectativas, pero é difícil", indicou.
Así e todo, non explicou Rodríguez Zapatero as xestións específicas ou iniciativas concretas realizadas polo seu equipo a este respecto aproveitando a presidencia de quenda na Unión Europea. Doutra banda, e arredor das demandas do sector lácteo, Zapatero dixo traballar para que a comisión "presente un plan de axuda ao sector". Resposta tamén "vaga" en opinión do voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera.
Para os nacionalistas galegos o balance deste semestre no que respecta aos temas da axenda galega cos que o executivo estatal se comprometera, sector leiteiro e sector naval, é "decepcionante". "Non fixo nada", reprochoulle Jorquera a Zapatero, "e que nin sequera o intentaron", censurou, recordando as declaracións do comisario europeo de Competencia, o socialista español Joaquín Almunia, quen admitira publicamente que o goberno español "non lle pedira revisar a decisión que afecta o estaleiro de Fene".