O acto quere poñer en valor a traxectoria do instrumentista, Henrique Otero, quen foi o primeiro docente que impartiu clases de gaita no Conservatorio de Vigo.
Henrique Otero, o Gaiteiro do Fragoso, recibirá este sábado unha merecida homenaxe en Vigo. O Conservatorio Superior de Música de Vigo, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) celebra ás seis da tarde un acto para recoñecerlle a súa traxectoria a quen xa é un dos principais mestres da gaita da segunda metade do século XX en Galiza, un personaxe clave para comprender e coñecer o mundo deste instrumento e imprescindíbel para Vigo e a súa comarca.
O Gaiteiro do Fragoso conta xa con 80 anos e máis de sesenta de profesión. Nacido en 1930 no barrio de Lavadores de Vigo, foi membro fundador do grupo 'Os cruceiros', de grande popularidade na Galiza dos sesenta, e converteuse a partir de 1971 no primeiro docente que impartiu clases de gaita no Conservatorio de Vigo e foi tamén o primeiro en editar un método para a gaita (1978). Como compositor ten un catálogo de máis de 300 obras nas que mestura a tradición máis fonda coa busca de novas posibilidades para o instrumento. Grupos coma Treixadura e Noitarenga teñen incluídas algunhas das súas pezas nos seus repertorios.
Polas súas aulas pasaron algúns dos máis destacados gaiteiros da actualidade, como Carlos Núñez. A organización di del que “é o representante dunha escola da gaita galega que tentou dignificar este instrumento cando os tempos non eran tan propicios como agora e que conseguiu manter viva o mellor da tradición para mesturala por vez primeira cunha nova pedagoxía e con formulacións metodolóxicas correspondentes cos novos tempos que estamos a vivir”.