Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Inundacións polo temporal

BNG e PSdeG piden liñas de axuda para paliar os danos na Mariña

"Non é hora de pedir responsabilidades" senón de "buscar solucións", e que a Xunta "asuma o seu papel como Goberno", din uns e outros.

Redacción - 16:55 10/06/2010

O parlamentario do BNG, Fernando Blanco, exixiulle esta quinta feira á Xunta que habilite unha liña de axudas para paliar os efectos do temporal de chuvia que está afectando a comarca da Mariña, segundo informou a formación frontista mediante un comunicado.

O parlamentario visitou pola mañá varios municipios da zona, onde dixo que puido constatar persoalmente a cantidade de danos ocasionados tanto en infraestruturas públicas como en propiedades privadas, negocios particulares, plantacións e explotacións agrogandeiras.

Ante unha situación como a que se vive nesta comarca, Blanco dixo que non é o momento de pedir responsabilidades, senón de "buscar solucións", e neste caso, precisou, "é a Administración autonómica que debe asumir as competencias".

O político nacionalista demandou que a Xunta solicite dos concellos "unha valoración dos danos nas infraestruturas públicas así como que se abra un período para que as explotacións agrogandeiras afectadas polas inundacións poidan estimar as perdas que se puidesen producir".

Nesta mesma liña instou a unha resposta interdepartamental por parte da Goberno "que debe comprometer o conxunto das consellarías para facer fronte á situación creada".

Tamén o PSdeG, por medio da súa secretaria de Medio Ambiente e portavoz parlamentaria nesta área, Carme Gallego, exixiu as liñas de axudas para os concellos afectados. Ademais, reclamou que, con carácter urxente, a Xunta envíe medios técnicos e humanos para colaborar cos concellos e a Deputación nos labores de limpeza e reparación dos danos.

O deputado Ismael Rego tamén visitou a zona co obxectivo de comprobar situación e recoller as demandas dos afectados. Demandas que os socialistas trasladarán ao Executivo a través de iniciativas parlamentarias, a fin de que a Xunta "asuma a súa responsabilidade como Goberno" e poña os medios necesarios e habilite as indemnizacións.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: