A Consellaría de Educación remitiu aos centros educativos o cuestionario no que as familias indicarán cal é a lingua materna dos fillos.
Malia o ditame do Consello Consultivo de Galiza que consideraba a consulta ás familias “contraria ao ordenamento xurídico”, Educación remitiu aos centros educativos o cuestionario no que os pais poderán indicar cal é a lingua materna dos seus fillos. Estabelecerase así, conforme ao chamado 'Decreto do Plurilingüismo' o idioma predominante en educación infantil durante o próximo curso 2010-2011.
As familias deberán entregar o cuestionario cuberto (ou tamén cubrilo por internet) na secretaría de cada centro entre os días 20 e 30 deste mes, coincidindo co prazo de matrícula estabelecido para a admisión do alumnado de segundo de infantil, primaria, secundaria e bacharelato. A lingua materna predominante que se estabeleza para este primeiro ano manterase durante todo o segundo ciclo e resultará de aplicación para o alumnado que se incorpore ao centro con catro ou cinco anos. Ao tempo, aqueles que cursen actualmente o primeiro ou segundo ano manterán como maioritario o idioma usado durante o pasado curso 2009-10.
A Xunta desoe así abertamente o ditame do Consello Consultivo, que considerou que a elección da lingua materna “vén atribuída en exclusiva polos poderes públicos e non polas familias” e advertiu de que a responsabilidade da Administración na programación do ensino “é irrenunciábel e innegábel”.
O BNG fala de “enquisa encuberta”
Ademais de rexeitar a decisión, o BNG subliña que esta consulta “é ilegal” e considera que “será unha enquisa encuberta sobre a lingua vehicular nas aulas”. Os portavoces de educación e política lingüística, Carme Adán e Bieito Lobeira, preguntaron en sede parlamentaria se a Xunta “é consciente de que pode incorrer en ilegalidade con esta iniciativa” e que orzamento ten previsto destinar á súa realización. Asemade, pediron explicacións sobre o significado de “lingua materna predominante” e como se vai definir o que resulta “maioría” referida á lingua materna.