O departamento da Xunta critica a CSIF, CC.OO e UXT por utilizar a imaxe dunha boneca cunha tesoura espetada.
A Secretaría Xeral de Igualdade acaba de facer unha protesta formal diante das centrais sindicais CSIF, CC.OO e UXT pola “desafortunada e inapropiada imaxe empregada polas centrais sindicais no cartel da convocatoria á asemblea informativa para traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia, a celebrar o 2 de xuño”. O departamento da Xunta fai referencia a un cartel que leva por lema “Contra o 'tixeiretazo'. Pola defensa do público e contra o recorte dos salarios e dos dereitos sociais” e que está ilustrado por unha polémica imaxe onde aparece unha boneca deitada cunha tesoura espetada no estómago.
Dende a Secretaría Xeral de Igualdade subliñan que este tipo de imaxes “ atenta contra a dignidade das mulleres en particular e de toda a sociedade en xeral, moi especialmente nun momento en que pretendemos a sensibilización e a concienciación en relación ao fenómeno da violencia contra as mulleres, particularmente grave no que levamos de ano”. Por iso, piden a retirada inmediata destes carteis.