Francisco Jorquera confirmou o voto do Bloque en contra do plan do goberno español que, advirte o deputado nacionalista, "non vale para saír da crise".
"Vostedes xa admiten que baixa en medio punto as estimacións de crecemento da economía", argumentou o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, durante a súa intervención esta quinta feira na Cámara baixa, ao respecto do plan achegado polo goberno español.
Jorquera definiu o decreto do executivo estatal como "o maior retroceso en materia social da historia recente da democracia". Un conxunto de supostas medidas de axuste que terán un grave impacto no proceso de recuperación económica, en opinión do voceiro do Bloque. O deputado coruñés comparou o escenario co "enfermo ao que optan por sacarlle o osíxeno cando aínda está na UCI".
Para o representante do Bloque, o plan de axuste do goberno presidido por José Luís Rodríguez Zapatero supón "a asfixia económica dos concellos", a perda de poder adquisitivo da cidadanía e o exemplo de que o goberno español "prégase aos esquemas da dereita e do FMI". "Non contento co seu plan de axuste propón agora que as caixas se transformen en bancos, se abarate o despedimento e se volva a incrementar o IVE", censurou Jorquera. Agoira o deputado do BNG que o PSOE vai provocar "a fuxida masiva dos once millóns de votantes que confiaron en vostedes".