O sindicatos CIG, UXT, USO e CCOO presentaron un escrito perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza reclamando que convoque xa a Oferta Pública de Emprego da CRTVG. As centrais representadas no Comité Interempresas constataron que non se cumpriu o acordo acadado perante o tribunal o 26 de febreiro, que daba un prazo de dous meses para a publicación da oferta.
Segundo explicou o presidente do Comité Interempresas, Santiago Alvite, a empresa alegou "problemas cos trámites con Facenda" para atrasar a convocatoria. Os sindicatos consideran que os dous meses dados de prazo foron suficientes para cumprr eses trámites, perante as direccións xerais de Función Pública e de Orzamento.
Alvite explicou que "non cremos que ese atraso estea xustificado". "A cuestión é", afirma, "se unha parte do persoal quere ou non a OPE". O presidente do Comité Interempresas reflexionou que "os postos de traballo da CRTVG están pagados cos cartos de todos, e son dereito de todos os que cumpran os requisitos".
Segundo Alvite, "hai persoas preparando esas oposicións ás que teñen dereito", á marxe "de que un sector non queira que se convoquen". Despois de que se esgotasen os dous meses dados de prazo polo TSXG, agora o tribunal ten un prazo de aproximadamente 15 días para citar a conciliación ou o xuízo. En calquera caso, o Comité Interempresas non descarta que nese tempo se acaben convocando as oposicións.
O escrito solicítalle ao tribunal que dite auto decretando a execución do acordo e que advirta a dirección da empresa das posíbeis sancións económicas e das responsabilidades persoais en que pode incorrer ao incumprir os seus compromisos.