O goberno español subvencionou entre 2000 e 2007 a pesca industrial galega con 619 millóns de euros. Mentres, esqueceuse da pesca artesanal.
O Artic Sunrise, atracado na Coruña, poderá ser visitado o vindeiro martes 4 de maio
Nos sete anos comprendidos entre 2000 e 2007, o Ministerio de Pesca subvencionou os armadores de buques con base en Galiza cun total de 619 millóns de euros. Esta cantidade foi a máis elevada de todo o Estado Español, se a comparamos por comunidades autónomas, como se corresponde coa flota máis numerosa: en Galiza hai censados un total de 5.225 barcos (no Estado Español a cifra elévase a 11.254).
Porén, a totalidade destas axudas foron a parar a embarcacións de alta tonelaxe, é dicir, as que se adican á pesca de altura nos caladoiros da Unión Europea (dende Gran Sol até o Atlántico Nordeste) e a de gran altura (nas augas internacionais dos océanos Atlántico, Indico e Pacífico). Así o desvela o informe “A pesca en España: unha lección non aprendida” do colectivo ecoloxista Greenpeace, que estes días está a ser presentado en Galiza coincidindo coa celebración da Conferencia sobre a Reforma da Política Pesqueira Común (que se celebrará na Coruña a próxima semana) e coa reunión de Ministros de Pesca da Unión Europea (que terá lugar en Vigo).
Pola contra, ningunha destas axudas millonarias (ver cadro) foi parar a algunha embarcación de baixura (aquelas que teñen menos de 12 metros de eslora e que faenan no noso litoral. Este dato contrasta coa relevancia desta flota, xa que supón o 87% de todas as embarcacións censadas en Galiza (son uns 4.549 barcos). As cifras demostran así que as actuais políticas pesqueiras, tanto da Unión Europea (UE) como do goberno español, están a favorecer as grandes flotas industriais en detrimento da pesca artesanal e local, malia o seu peso estratéxico tanto no propio sector como no territorio galego.
A pesca de baixura, xera máis emprego e é máis sustentábel
En materia de emprego, a flota industrial (que en Galiza supón o 13% da flota e o 87% das capturas) dá traballo no Estado Español a preto de dous milleiros de persoas. Mentres, a de baixura, emprega a máis de 30 mil persoas. A isto engádense outros factores como a propia sustentabilidade ambiental: a pesca local enmárcase, por definición, dentro dun modelo de xestión sostíbel dos recursos mariños: contamina menos, esquilma menos os mares e xera menos capturas.
Porén, as únicas subvencións que están a recibir por parte do Estado, que xestiona as axudas europeas adícanse ao seu desmantelamento. O goberno español fomenta a desaparición da pesca artesanal, financiando con fondos públicos o desmantelamento destas embarcacións, mentres apoia a construción e mellora dos grandes barcos. Para demostralo, un dato que achega Greenpeace: entre 2002 e 2006, o Estado Español recibiu 1.600 millóns de euros da UE, que se empregaron nun 90% para desmantelar barcos de baixura. Aínda máis, das 53 embarcacións que recibiron axudas no Estado Español, só tres tiñan unha eslora menor a 25 metros.
Neste contexto, Greenpeace realiza unha serie de recomendacións ao goberno español para que, aproveitando a presidencia de quenda da Unión Europea, impulse medidas destinadas a unha xestión efectiva e sostíbel dos recursos mariños. Piden a eliminación da sobreexplotación, a mellora das técnicas pesqueiras para recuperar stocks, limitar as capturas atendendo a recomendacións científicas, a promoción e o apoio á creación de reservas mariñas, a limitación de acceso a recursos e axudas só a aqueles países de cumpran a normativa, ou promover a transparencia na xestión dos produtos pesqueiros dende a súa captura até o consumo final.