Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Víctor López, presidente de Eganet

"Non se está contando connosco", repróchanlle ao Goberno desde o sector TIC

Falamos co novo dirixente da asociación de empresas dedicadas á internet, quen pide que a Xunta favoreza o sector do país na súa política TIC.

M. del Río - 11:05 06/04/2010
Víctor López

Víctor López

Víctor López preside dende hai pouco máis dunha semana Eganet, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías. López encabezou a única candidatura que se presentou. É, ademais, responsábel da empresa AVA Solucións Tecnolóxicas, de Teo.

Como novo presidente de Eganet, cales serán os seus obxectivos para os vindeiros meses?

Xa viña da xunta directiva anterior, onde era secretario xeral. Para os vindeiros 24 meses, espero consolidar o traballo feito e ampliar os obxectivos que se mencionan na nosa proposta de candidatura: 24 prioridades para os 24 meses. Esas prioridades son, esencialmente, ampliar a base social da asociación, esperar que se aumenta o número de empresas que se uniron a Eganet. Queremos promover e aproveitar que se cumpre o décimo aniversario da asociación, a máis veterana do sector, e mellorar os servizos que se lles prestan aos asociados, asinando convenios con outras entidades e xerando proxectos con apoio de outros sectores. Tamén queremos poñer en marcha unha rede de auditorización e mentoría de novas empresas, novas oportunidades e servizos. Constantemente nacen novas empresas e queremos achegarnos a elas. Que aproveiten o coñecemento que as empresas máis veteranas de Eganet teñen.

Mantiveron xa contactos do Goberno. Como valora a súa nova política TIC?

A Secretaría Xeral de Modernización ten proxectos distintos aos da administración anterior. Os resultados aínda están por ver. Vannos presentando ideas. As liñas parece que poden ser acertadas, pero hai accións que non nos parecen as máis axeitadas. Vemos carencias, e non se está contando connosco, que coñecemos o sector. Hai medidas concretas que non se están a levar a cabo do xeito máis adecuado. Por exemplo, o borrador das próximas axudas TIC non se presenta dun xeito apropiado. As bases non facilitan a especialización, senón que impón limitacións que dificultan esa especialización, como impedir que se executen varios proxectos coa mesma tecnoloxía. A idea é boa no fondo, pero non se concreta dun xeito adecuado. Outro tema son os macroconcursos, que non teñen en conta a realidade galega, polo que as empresas de aquí non poden competir en igualdade de condicións. O sector TIC galego non pode concorrer a estes macroconcursos, e iso pode ser desastroso fronte a grandes consultoras ou empresas foráneas.

Entón, cre que o xeito en que están formuladas esas axudas pode prexudicar o sector do país?

O escenario que presentan para o sector non é o máis favorábel para as empresas TIC galegas. Determinadas actuacións non van por ese camiño, tal e como están enfocadas as axudas. Deberían crear un marco de xogo en que o sector TIC se fortaleza e se creen empresas líderes e especializadas, como acontece noutros sectores do país, e se poidan internacionalizar. Pero a liña de axudas TIC non o favorece. Falla o enfoque.

As empresas TIC están máis protexidas da crise económica?

As empresas que forman parte de Eganet non son excepción á crise, pero as novas tecnoloxías son transversais. Os proxectos das nosas asociadas están dirixidos a outras empresas. Téndese a optimizar recursos. Somos socios tecnolóxicos de empresas doutros sectores. A crise non nos resulta tan grave, porque temos oportunidades de negocio e de traballo. Pero en todos os sectores está a haber redución de gastos. A nosa asociación quere demostrar que as novas tecnoloxías son investimento, non gasto. Posibelmente o noso sector se viu menos afectado pola crise, porque as solucións a esa crise case sempre pasan pola modernización tecnolóxica e por buscar novos modelos de negocio.

Con cantas empresas asociadas a Eganet conta acadar?

O noso obxectivo é chegar a unhas 100 empresas asociadas a Eganet ao final da lexislatura. Actualmente hai un ritmo de arredor dunha empresa que se suma cada mes á entidade.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: