Valorouse "a recuperación histórica dun escritor portugués-galego que integrou o grupo Orpheu xunto con Fernando Pessoa e Sá Caneiro".
O premiado, Carlos Pazos
O profesor e investigador da Universidade do Minho (UM) Carlos Pazos recibiu esta fin de semana de mans do alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e da concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, o XVII Premio Carvalho Calero, que organizan a Sociedade Cultural Medulio e o Concello.
O prestixioso galardón -que leva o nome do ilustre autor e investigador ferrolán, nado hai 100 anos- está dotado con 3.606 euros e a publicación do estudo, que nesta ocasión versou sobre a figura de Alfredo Guisado, "un escritor portugués-galego que integrou o grupo Orpheu xunto con Fernando Pessoa e Sá Caneiro", figura que o traballo colabora na súa "recuperación", en palabras do xurado.
Ademais, o tribunal subliñou que o mérito deste ensaio reside en "empregar unha metodoloxía coherente que acompaña a análise literaria cunha adecuada contextualización histórica, e que valora a conexión vital, política e literaria de Galiza e Portugal no contexto dos movementos do modernismo portugués e do nacionalismo galego dos anos vinte".
Trajectória de Alfredo Guisado e a sua relação com a Galiza (1910-1921) é o nome da tese de mestrado presentada ao certame por Carlos Pazos, docente do Centro de Letras do Instituto de Ciências Humanas da UM, do Departamento de Estudos Românicos, na área de Estudos Espanhóis.