O lalinense presenta en Compostela a súa obra máis recente da mostra Domus Omnia e Fai frío no lume.
Despois do seu paso por Ourense, a obra de Antón Lamazares recala en Compostela. O artista afincado en Berlín e recoñecido mundialmente pola súa persoal concepción da pintura leva a Santiago unha recompilación da súa obra máis recente e inédita no marco da mostra Domuns Omnia e Fai frío no lume, que se pode visitar dende este xoves.
Da súa obra, que xa percorreu as máis prestixiosas galerías de todo o mundo, opinan os máis recoñecidos críticos. Así, Francisco Calvo Seraller dicía a propósito da súa última exposición en Berlín: "con casas ou sen elas, a pintura de Lamazares ten manifestado sempre unha crenza brutalista pola materia e polo o xesto, vou dicilo así, inocentes, que non é exactamente o mesmo que espontáneos. Lamazares é, non hai que esquecelo, un artista mental e tecnicamente moi completo. Pode, por exemplo, usar como soporte un vulgar cartón mais, nas súas mans, ben prensado e vernizado, cobra o lustre dunha madeira enlucida".
Vieiros tivo a ocasión de falar co artista con motivo da súa última exposición no Centro Cultural da Deputación de Ourense. Velaquí un vídeo que achega unha mostra da súa obra e as súas palabras convidándonos a visitala.