Pachi Vázquez criticou o manifesto asinado e reprochoulles a presidente da Xunta e sindicatos que se reúnen para iso e non para "reactivar a mesa de diálogo social e falar do paro".
O secretario xeral do PsdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez foi este venres moi crítico coa reunión na que PpdeG, BNG, CEG, UXT, CIG e CCOO asinaron un manifesto conxunto a prol da lei de caixas de aforro aprobada polo Parlamento. De xeito especial, Pachi Vázquez chamou os axentes socioeconómicos a "non secundar o papel vitimista de Feijóo". Ironizou Vázquez co feito de que PP e sindicatos xunten forzas no tema das caixas e indicou que "Feijoo e os sindicatos non son capaces de reactivar a mesa de diálogo social e falar do paro, que é o principal problema para o 82 por cento dos homes e mulleres de Galiza".
Para o líder dos socialistas, o acto celebrado na Cámara en favor desta reforma escenificou un apoio á "estratexia de mentiras" da que acusa ao presidente da Xunta. Vázquez dixo estar estrañado por ver os sindicatos "pechar os ollos e meter a cabeza debaixo da á do presidente da Xunta sen preguntar por qué non se convocou a Mesa de Diálogo Socia” cando en Galicia hai 230 mil parados". "Feijoo vai de vitoria en vitoria ata a súa derrota final, empeñado no seu modelo vitimista e en ver unha conxura contra Galiza cando é quen impide a reforma do Estatuto, renuncia a acadar o noso teito competencial e ataca á nosa lingua como feito diferencial", resumiu.
Oferta de "diálogo" e "consenso"
Por outro lado, e ao respecto do informe sobre a presunta inconstitucionalidade da lei de caixas galega co que o goberno español xustificou este venres o recurso á norma, Manuel Vázquez considerou que o Consello de Estado "puxo o presidente no seu sitio". "Foi cazado na súa propia trampa", avaliou o líder do PSdeG.
Ao respecto, Vázquez ofreceu "diálogo e consenso" dos socialistas galegos para "legalizar a Lei de Caixas de Galicia conforme ás teses do Consello de Estado, órgano consultivo independente integrado por xuristas de recoñecido prestixio, adecuando o texto á Constitución e á Lei Orgánica de Caixas de Aforro". "É un órgano independente integrado por persoas pouco sospeitosas de ser afíns ao PSOE", reiterou, teimando en que a lei aprobada cos votos de PpdeG e BNG foi feita "para controlar as caixas de aforro por parte do PP".