Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate parlamentario

Os socialistas repróchanlle á CRTVG "censura" e "falta de ambición"

O ente presentou na Cámara uns orzamentos "de transición". Para o PSdeG as contas implican "máis custos estruturais e de persoal e menor calidade".

Redacción - 09:00 05/11/2009

Afonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), estivo este mércores no Parlamento para presentar o orzamento do ente público. Sánchez Izquierdo definiu as contas para 2010 de presuposto "de transición" cara á "actual etapa de contención económica". Asegurou Sánchez Izquierdo que malia ese escenario "mantense a aposta pola calidade dos contidos" e o compromiso "como instrumento dinamizador do sector audiovisual galego". As contas presentadas na Cámara suman 136 millóns de euros.

Explicou o director xeral da CRTVG que o recorte é debido tanto á redución da subvención outorgada pola Xunta, 115,8 millóns de euros desta volta, como ás "previsións realistas de ingresos comerciais" que agoirou influídas pola "crise do mercado". Unhas previsións de publicidade que quedan en 16,6 millóns para 2010. "Foi preciso facer uns orzamentos prudentes que non cargasen nos petos dos cidadáns, e que ao mesmo tempo garantisen a suficiencia para soster uns medios públicos de calidade", defendeu Izquierdo. "Mantense a aposta pola calidade dos contidos e o compromiso dinamizador do sector", insistiu.

Custos "desbocados" e "burda restrición da pluralidade"
Diferente opinión expuxo o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG na comisión da CRTVG, Xosé Luís Méndez Romeu, quen dixo que o ente "desbota a ambición de ofrecer produtos informativos de calidade" e acusou a dirección dos medios públicos de volver "á censura e o recorte de información para os cidadáns". Para Méndez Romeu, o cambio na CRTVG implicou unha "fuxida cara o pasado e aos máis rancios e anticuados tópicos galegos”, reflectindo un esquema “rural, costumbrista, de país illado e ferreamente conservador".

De xeito concreto, criticou Méndez Romeu a supresión do espazo Hai Debate, substituído polo que o deputado socialista cualificou de "burla a calquera debate aberto, que cae na desvergoña de presentar de xeito camuflado a membros do PP como tertulianos". "Desapareceu o debate político substituído por unha plataforma do PP", acusou. Romeu denunciou tamén que de xeito paralelo produciuse un incremento "desbocado", do 16%, en custos de persoal, até brincar por roba do 50% dos orzamentos totais. Por este motivo, os socialistas reclaman a "racionalización" dos gastos de alta dirección e loxística. "O custo da CRTVG cada vez é maior por cada galega sen que ofreza un produto substantivamente mellor", laiouse o voceiro do PSdeG na comisión.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: