Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Naval

O PPdeG e o BNG pídenlle ao goberno español que permita a construción civil en Navantia

O PSdeG abstívose ao ver rexeitada unha emenda que lle exixía á Xunta que se implicase tamén no impulso ao estaleiro.

Redacción - 19:02 22/10/2009

O PPdeG e o BNG uniron os seus votos, coa abstención do PSdeG, para aprobar unha proposición non de lei para instar a Xunta a que lle pida ao goberno español que negocie coa Unión Europea a reactivación de Navantia na construción civil.

A proposición defendeuna, en comisión parlamentaria, a popular María Ángeles Díaz Pardo, que responsabilizou os distintos gobernos socialistas en Madrid do "declive" dos estaleiros e pediulle ao xefe do executivo español, José Luis Rodríguez Zapatero, que "deixe a súa desidia e reclame a completa ocupación" das instalacións. Isto supoñería "devolverlle o esplendor á comarca" de Ferrolterra.

Pola súa banda, Tereixa Paz, do BNG, ironizou sobre como "a historia a escriben os vencedores", pois os populares tamén gobernaron durante oito anos en Madrid e "continuaron na mesma liña". "Para salvar o naval español machucaron o galego", afirmou, polo que concluíu que o PP "non está lexitimado" para falar da defensa dos estaleiros. Tamén criticou que Alberto Núñez Feijoo "non fixo ningunha xestión" ao respecto na súa recente viaxe a Bruxelas.

O voceiro do PSdeG, Abel Losada, criticou que José María Aznar usase a presidencia do goberno español para "facer fotos pouco rendíbeis", pero non para defender os estaleiros galegos, e anunciou a presentación dunha emenda "similar" ás que o PPdeG presentaba durante a súa etapa na oposición. Nela introducía a obriga de que o Goberno traballase xunto ao seu homólogo español para impulsar Navantia "de inmediato".

O PPdeG rexeitou a emenda. A súa voceira incidiu en que Zapatero "tamén foi aos Estados Unidos a facerse unha foto moi polémica", en alusión á imaxe das súas fillas co matrimonio Obama. Despois da votación, Tereixa Paz lamentou a "falta de flexibilidade" do PPdeG e desexou que "só sexa un erro do grupo parlamentario" para máis adiante "recuperar o tradicional consenso na materia".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: