Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito laboral

Metal: A CIG desmárcase do preacordo que preparan patronal, CC.OO e UXT

O sindicato nacionalista considérao a mesma proposta "insuficiente" de xuño. Tampouco Foncalor e Instalectra asinarán.

Redacción - 11:00 21/10/2009

A patronal do sector do metal da provincia de Pontevedra e os sindicatos CC.OO e UXT preparan a redacción dun preacordo sobre o convenio do sector que contará con maioría mais onde non haberá unanimidade, posto que a CIG anunciou que non o asinará e é previsíbel que dúas das cinco patronais tampouco o asuman.

O responsábel de UXT Metal, Diego Atanes, explicou que o preacordo incluirá a oferta realizada polos mediadores da negociación -Xunta e Inspección de Traballo- cunha vixencia de tres anos e un incremento salarial do 3,85 por enriba do IPC: un 2,5% (IPC máis 1,10 puntos), o IPC máis o 1,5% para o segundo ano e o IPC máis o 1,25% para o terceiro.

Ademais garántese que a deflación non actuará e existe a cláusula de revisión salarial para o terceiro ano de vixencia. O terceiro dos puntos -xunto coa vixencia e o incremento salarial- é a regulación de xornada, sobre a que se fixa un preaviso de 15 días para que o traballador poida gozar dos seus días de exceso de xornada.

Pola súa banda, o responsábel da CIG Metal, Miguel Anxo Malvido, destacou que o sindicato nacionalista non asinará o preacordo ao considerar que se trata da mesma proposta que a mediación fixo en xuño e que foi rexeitada por insuficiente. Discrepou co aumento salarial proposto e, en canto a outra das reivindicacións do seu sindicato, a regulación da contratación no naval, lamentou que sexa un aspecto que "queda moi aberto" ao ser unha comisión a que o trate nun prazo de 45 días.

Patronais
O representante das asociacións patronais, Enrique Mallón, destacou que tres dos colectivos (Asime, Atra e Feca) anunciaron que asinarán o preacordo, mentres que Foncalor e Instalectra expresaron que "en principio", non o farán.
En todo caso, destacou que unha vez se asine o preacordo, as entidades que non o subscribisen poderán adherirse cando se rubrique o acordo definitivo. Así, estimou que, se hoxe se subscribe o preacordo, nunha semana podería estar o definitivo.

Mallón considerou que, de asinarse o preacordo, se poría fin a un período de intranquilidade e sería "un pequeno éxito de todos". No entanto, salientou que se logra tras "un sufrimento abundante", polo que a súa satisfacción é "relativa".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: