Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECISIÓN DA AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO

O sector forestal, ameazado pola prohibición de caixas de madeira para a pesca

En Galiza, 16 empresas adícanse á fabricación deste tipo de envases, unha industria que xera 235 postos de traballo directo e un volume de negocio anual de 23 millóns de euros.

Isabel G. Couso - 09:30 19/09/2009
Son moitos os mariñeiros que aínda prefiren empregar as caixas de madeira

Son moitos os mariñeiros que aínda prefiren empregar as caixas de madeira

Cunha industria que foi precursora na construción das caixas de madeira para a pesca, o sector forestal galego enfróntase agora a unha importante ameaza que vén da man das decisións políticas. Todo comezou o pasado mes de xuño, cando a Autoridade Portuaria de Vigo comunicou os operadores das súas instalacións a prohibición de empregar madeira nos seus envases para os produtos marítimos. Esta decisión que, até o de agora, só tomou esta entidade está a causar serios prexuízos ao sector madeireiro.

Segundo explicou a presidenta, Corina Porro, esta medida obedece á adecuación á normativa europea en vigor, que exixe que "os contedores empregados para expedir ou almacenar produtos da pesca frescos, preparados sen embalar e almacenados en xeo, deberán evitar que a auga de fusión permaneza en contacto cos produtos". Mais este regulamento da Unión Europea data de 2004 e, segundo explica a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galiza (Fearmaga) non é incompatíbel co uso das caixas de madeira, tal e como demostra que na actualidade ningún outro porto ou lonxa, nin galego, nin español, nin europeo, asumise esta mesma prohibición.

Unha xuntanza que non chega
Dende este colectivo profesional solicitaron nos pasados meses diferentes xuntanzas tanto coas diferentes consellarías implicadas como coa Autoridade Portuaria de Vigo. Até o de agora só foron recibidos por Corina Porro, quen lles remitiu á Consellaría de Sanidade. Así o explica a presidenta de Fearmaga, Ana Oróns: "asegurounos que a decisión emanaba de Sanidade, que era unha recomendación dos Servizos de Inspección da Consellaría e que nos vindeiros meses se faría extensiva a outras instancias".

Con 16 empresas que en Galiza se adican directamente ao negocio das caixas de madeira, esta actividade é máis importante na economía do país do que en principio se puidera pensar. Xera un volume de negocio anual de 23 millóns de euros e dá traballo directo a 235 persoas, ademais de xerar un número dificilmente calculábel de emprego indirecto ao longo de toda a cadea do sector forestal, dende rematantes até a industria transformadora.

Esta é a mensaxe que queren facer oír dende Fearmaga, quen a día de hoxe aínda están a agardar unha xuntanza cos responsábeis das diferentes consellarías. Asumindo xa o prexuízo dunha medida que levan asumindo dende o pasado xuño, temen que no futuro se faga tamén extensíbel a outros portos e lonxas e que teña unhas consecuencias irreparábeis como sucedera en 2002. "Daquela, a Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos decidira subvencionar a compra de caixas de plástico nas diferentes confrarías e ocasionounos perdas moi considerábeis".

Sen motivos para a prohibición
Ademais do grave prexuízo que causaría no sector madeireiro, Fearmaga defende as virtudes das caixas de madeira para os produtos pesqueiros. "Os envases de madeira cumpren os requisitos estabelecidos pola Unión Europea tanto para o transporte como para a conservación do peixe", di Oróns ao tempo que se basea en estudos realizados tanto polo Instituto Tecnolóxico de Dinamarca como polo Instituto Tecnolóxico de Alimentación de Alemaña para asegurar que "a madeira é o material máis apropiado para a industria agroalimentaria".

Segundo estes estudos, "a porosidade da madeira outórgalle propiedades antibacterianas polo seu efecto tampón sobre unha superficie porosa de madeira seca e a concentración de bacterias diminúe antes, en comparación con outros materiais impermeábeis". Ademais, Oróns recorda que, segundo a lexislación, o envase de madeira "é dun só uso, polo que non é reutilizábel e, polo tanto, "convértese na caixa máis hixiénica. Por último, é un material transpirábel, o que "garante maior frescura no interior e mellor refrixeración dos produtos, o que permite prolongar o tempo de conservación".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Tradicionalmente, a pesca galega distribuíuse sempre en caixas de madeira
Tradicionalmente, a pesca galega distribuíuse sempre en caixas de madeira
A cortiza é outra alternativa que se pode ver nas lonxas galegas
A cortiza é outra alternativa que se pode ver nas lonxas galegas
No 2002 a Consellaría de Pesca promoveu a compra de caixas de plástico por parte das confrarías
No 2002 a Consellaría de Pesca promoveu a compra de caixas de plástico por parte das confrarías