O presidente de EUA manifestou que, a pesar da oposición de republicanos e de parte do seu partido, non vai adiar máis a reforma sanitaria.
Richard Nixon e Bill Clinton tiveron que dar marcha atrás por intentar o mesmo. Porén, o actual presidente de EUA amosou diante do Congreso, aínda sabendo a existencia dunha forte oposición, a súa determinación imparábel de facer unha reforma sanitaria. A intervención de Obama foi emitida en directo polas principais cadeas de televisión.
Nun momento en que os republicanos axitan bandeiras contra a reforma e que incluso sectores conservadores do seu partido se mostran contrarios á mesma, Obama falou alto e claro: “Somos a única democracia do mundo que non lle garante a cobertura médica universal aos seus cidadáns”. Acto seguido subliñou que chegara o momento e prometeu que a medio prazo “ninguén irá á creba por poñerse enfermo”.
Se a reforma consegue saír adiante, nos vindeiros meses perto de 46 millóns de cidadáns que nestes momentos non dispoñen de ningún seguro médico, poderán gozar de cobertura médica universal.