Un equipo de programadores galegos participou no desenvolvemento do sistema operativo que levará o novo móbil da compañía finlandesa.
O pasado xoves Nokia deu a coñecer a súa nova xeración de teléfonos móbiles intelixentes. O Nokia N900 levará a quinta versión do seu sistema operativo Maemo, que xa incluía nos seus anteriores modelos de internet tablets e que converterá o seu aparello nun completo computador de peto. Maemo 5 é software libre, e no seu desenvolvemento participou, tamén, xente do país.
Entre as persoas que participaron na confección do sistema operativo atópase un grupo de arredor de 10 persoas da empresa Igalia, especializada en solucións de software libre. Segundo explicou un dos membros do grupo, Alberto García, o proxecto supuxo o traballo dun "equipo inmenso" en todo o mundo.
O trebello que leva incluído o novo software presentarase oficialmente esta semana, na conferencia Nokia World 2009. A novidade que máis salienta a simple vista é que se trata dun teléfono, mentres que as anteriores internet tablets da empresa finlandesa non se podían conectar a unha rede de telefonía móbil. Pero, salienta García, "os cambios no software son enormes". Así, considera que o cambio que supón o Maemo 5 con respecto aos saltos entre versións anteriores é maior.
Segundo explicou, "a interface antes era como un escritorio en pequeno", mentres que Maemo 5 está concibido para unha pantalla táctil, o que supón un "redeseño para ser usado cos dedos", e segue a tendencia de amosar "interfaces sinxelas e botóns grandes", cun aspecto visual moi diferente ás anteriores versións do sistema operativo.
Ademais, a campaña de mercadotecnia posta en marcha por Nokia vai facer que este proxecto se converta nun produto de consumo masivo, fronte ás anteriores internet tablets, para un público máis especializado. Alberto García salientou que a expectación foi enorme. De feito, o día do anuncio, N900 foi un dos termos máis comentados do día na rede Twitter e os vídeos sobre a nova interface chimparon ao alto das listas dos máis visitados, conta García.
O equipo de Igalia desenvolveu aspectos do sistema operativo como librarías da interface, as "tripas" do sistema multimedia, temas de accesibilidade e o xestor de correo electrónico. Amósanse ilusionados polo lanzamento definitivo do novo dispositivo, que pode facer que o froito do seu traballo se converta nun éxito masivo.
En calquera caso, o software libre está a acadar cada vez máis espazo entre os trebellos móbiles, como recoñeceu Alberto García, de xeito que Maemo de Nokia vénse sumar ao Symbian da mesma compañía -aínda que con menos posibilidades- ou ao Android de Google, que se está a estender entre diferentes fabricantes.