A compostelá sede da Fundación Torrente Ballester acolle a oitava edición dunha exposición que reflicte a expresión artística da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
Ademais das infraestruturas, da política ou do desenvolvemento industrial, na construción da chamada eurorrexión a cultura cobra especial importancia. Así o entende Luis Filipe Menezes, presidente do Eixo Atlántico, quen describe a Bienal de Pintura como "un programa que estimula a creación artística ao mesmo tempo que posiblita o intercambio cultural e o coñecemento de artistas".
Logo de oito anos, a Bienal de Pintura Eixo Atlántico está xa consolidada como unha mostra que achega o mellor dos artistas galegos e portugueses. Agora, logo de percorrer outras cidades do noroeste peninsular, a exposición chega até Santiago de Compostela, onde se pode visitar na sede da Fundación Gonzalo Torrente Ballester até o 16 de agosto.
Reúne 30 composicións de diferentes pintores nacidos ou residentes en Galiza ou no norte portugués, elixidas entre máis de 300 obras por parte dun xurado presidido polo recentemente falecido pintor e galerista portugués Jaime Isidoro. Constitúe así unha das principais mostras de pintura da Península Ibérica, ademais de permitir un achegamento á obra pictórica que se está a realizar actualmente dende unha sensibilidade galego-portuguesa.
Na inauguración desta oitava edición fíxose entrega dos galardóns concedidos polo xurado aos mellores cadros da bienal. O premio á mellor obra do certame recaeu nunha composición da pintora portuguesa Ana Pais Oliveira, mentres que o galardón a novos talentos foi parar a unha obra do artista de Boiro Ismael Teira Muñiz.