Subliña o presidente que sen autorización da Xunta non hai fusión posíbel.
"Á Xunta de Galicia correspóndelle por Estatuto de Autonomía calquera decisión sobre fusión de caixas e moito máis se son fusións de caixas que non teñen ámbito territorial na Comunidade autónoma", afirmou este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. "Polo tanto, a Xunta exercerá as súas competencias e sen autorización da Xunta non pode haber ningún tipo de acordo entre as caixas galegas e caixas de fóra", engadiu.
Lembraba así o presidente do Executivo que a Xunta resérvase a capacidade de exercer as súas correspondentes competencias neste asunto. Por outra parte, e arredor do informe de Caja Madrid ao respecto desa fusión posíbel, Feijoo negouse a opinar, asegurando descoñecelo "na súa totalidade". "Neste asunto, como noutros, temos que traballar moito e falar menos", indicou.