Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Código aberto

A comunidade galega de software libre desenvolve un xestor para charangas

É un dos novos proxectos incorporados ao espazo A Forxa de Mancomún neste ano 2009.

Redacción - 11:30 26/05/2009

A Forxa, o espazo reservado polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, para o desenvolvemento de proxectos de software e documentación feitos no país, incorpora novas aplicacións. Entre as últimas novidades podemos atopar dende un sistema de xestión de contidos para charangas até o aplicativo para unha linguaxe non sexista Exeria, pasando por un programa para deseñar armarios.

Segundo informa Mancomún, no que levamos de ano sumáronse á Forxa 10 proxectos de interese máis outros tres propios do Centro. Sketch-Arm é unha aplicación de prototipado rápido de armarios, pensado para que calquera poida deseñar os seus propios móbeis de xeito sinxelo.

Exeria
, do que xa falamos no momento da súa presentación, é un aplicativo para evitar a linguaxe sexista. Outro dos proxectos é SysMonitor, un script básico para monitorizar sistemas GNU/Linux. Orzametal13 é un sistema para levar a xestión de empresas fabricantes de xanelas.

Outro dos novos proxectos é o engadido Zabbixbar, para o navegador Firefox, que amosa na barra de estado as alertas activas do sistema de monitorización Zabbix. Tamén está XERPA, un sistema de xestión de planificación de sistemas empresariais amigábel. A parte lúdica fornécea GaliTrivial, un xogo de preguntas e respostas en galego.

O sistema de xestión de contidos Charanga-CMS preséntase como un proxecto destinado especificamente a charangas, mentres que MinTrad é un metapaquete para a distribución de GNU/Linux Debian que instala ferramentas de tradución e un contorno gráfico propio. Por último, Apticon facilítalles aos usuarios noveis de Ubuntu a instalación de programas dende uha icona.

As achegas de Mancomún son o separador silábico para o galego Hyphenation-gl, o glosario galego de localización de software, e o script Tmx2po, que permite converter memorias de tradución en formato .tmx ao formato .po.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: