Segundo un cálculo feito o ano pasado polo Banco Mundial, unha pandemia podería provocar que o PIB mundial caese cinco puntos.
Roche fabrica o medicamento
O brote de gripe porcina podería alargar a actual situación de recesión económica mundial, segundo advirten algúns expertos. No entanto, recoñecen que aínda é cedo para avaliar os posíbeis efectos económicos dunha hipotética pandemia.
O ano pasado, o Banco Mundial xa fixo unha estimación do que podería supor unha pandemia de gripe. Segundo os seus cálculos, o custo podería provocar unha caída do Produto Interior Bruto (PIB) mundial dun 5%.
Esta situación adiaría a recuperación económica nun momento en que en varios países, como os Estados Unidos, comezaban a albiscar os primeiros síntomas de recuperación. Un dos sectores máis afectados sería o turismo.
O Ministerio español de Asuntos Exteriores recomendou non viaxar a México se non é imprescindíbel, mentres dure o brote. A industria turística é unha das máis importantes do país. Só en 2008, México recibiu 22,6 millóns de turistas estranxeiros. As accións das aeroliñas e das empresas hoteleiras rexistraron xa fortes caídas na bolsa.
Roche, beneficiada
Tamén podería caer a industria porcina, aínda que os especialistas insisten en que non se transmite a través do consumo de produtos de cocho ou derivados. Países como Rusia ou China prohibiron xa as importacións de porcino procedentes de México e dos Estados Unidos.
A industria farmacéutica, pola contra, sería a gran favorecida por esta situación. A compañía suíza Roche, por exemplo, rexistrou importantes alzas bolsistas. A farmacéutica fabrica o "Tamiflu", un dos fármacos que axudan a curar a enfermidade.