Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALARMA SANITARIA

Que é a gripe porcina?

Dispoñibilizamos as respostas ás preguntas máis frecuentes sobre o virus da gripe porcina e as súas características, así como o xeito no que afecta os seres humanos.

Redacción - 09:00 27/04/2009
Limpando o salón de actos, nun instituto de Nova York

Limpando o salón de actos, nun instituto de Nova York

Que é a gripe porcina?
A influenza porcina (gripe porcina) é unha doenza respiratoria dos porcos, causada polo virus de influenza tipo A, que provoca brotes comúns entre estes animais. Os virus da influenza porcina enferman gravemente os cochos, pero as taxas de mortalidade son baixas. Estes virus poden propagarse entre os porcos todo o ano, pero a maioría dos brotes infecciosos localízanse nos meses finais do outono e o inverno, como acontece cos brotes humanos. Hai moitos tipos diferentes de gripo porcina e humana, xa que os virus están en constante cambio.

Pode contaxiarse entre os seres humanos?

A gripe porcina non acostuma infectar os seres humanos, aínda que se producen casos esporádicos, polo xeral en persoas que tiveron contacto cos porcos. Tamén se documentaron casos de persoas que lle contaxiaron o virus da influenza porcina a outras. A Organización Mundial da Saúde adoitaba recibir notificacións de, aproximadamente, un caso de infección polo virus da influenza porcina en seres humanos, cada un ou dous anos nos EUA; porén, de decembro de 2005 a febreiro de 2009, rexistráronse 12 casos de infeccións por influenza porcina en persoas.

As persoas poden transmitir esta gripe do mesmo xeito que a gripe humana, a través da tose e os esbirros. Non é probábel que os seres humanos se infecten comendo porco, mais dende a OMS sinalan que é moi necesario cociñar ben a carne que se vaia comer.

É un novo tipo de gripe porcina?
A OMS confirmou que algúns dos casos coñecidos débense a unha evolución da cepa H1N1 da gripe tipo A -común entre os humanos-, nunca antes vista, que contén material xenético que se atopa normalmente en cepas do virus que afecta aos seres humanos, os porcos e as aves. O virus da influenza tan e capacidade de intercambiar material xenético cos demais compoñentes, co que parece probábel que este virus sexa o resultado da mestura de diferentes versións, que acostuman afectar diferentes especies, empregando como hóspede o mesmo animal.

Temos que preocuparnos?
Cando unha nova cepa de gripe se desprende, e comeza a transmitirse de persoa a persoa, é seguida moi de perto pola OMS e outras organizacións relacionadas coa saúde, ante a posibilidade de que poida desencadear unha pandemia.
Neste caso, aínda é cedo para avaliar con precisión a situación, mais o feito de que os casos coñecidos nos EUA sexan leves é alentador. Suxírese que a gravidade do brote en México pode ser debida á súa situación xeográfica e a que houbese un outro virus circulando entre os afectados. Porén, o feito de que moitas da vítimas sexan mozos e mozas non é usual, xa que é a xente de maior idade a que habitualmente se ve afectada, en maior medida, pola gripe.

O pasado sábado, a OMS alertou sobre o "potencial pandémico" do novo virus da gripe porcina, e mantivo en 3 o nivel de alerta, sobre un máximo de 6. "Queremos estar certos de que dispoñemos dunha base sólida" antes de elevar o nivel de alerta, o que significaría que se produciu un aumento significativo do risco de pandemia, explicou Keiji Fukuda, subdirector xeral da OMS. "Está claro que nos atopamos nun período no que tenemos que ser moi prudentes e recabar as mellores informacións", explicou o responsábel da OMS.

Até o de agora non hai vacina, mais as autoridades sanitarias dos EUA sinalaron que, nos casos rexistrados no seu país, empregáronse con éxito antivirais comúns.

Máis información:


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: