Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"o meu corpo é un territorio clandestino"

A necesidade de educar sobre a saúde sexual e os dereitos reprodutivos

A ONGD Paz e Desenvolvemento presenta un proxecto de sensibilización e educación sobre os dereitos das seres humanos a teren o control respecto da súa sexualidade.

Redacción - 12:30 09/04/2009

Dende a ONGD Paz e Desenvolvemento definen os dereitos sexuais e reprodutivos como os dereitos dos seres humanos a ter o control respecto da súa sexualidade: a decidir sobre o seu corpo sen vérense suxeitos a coerción, discriminación ou violencia; a decidir sobre o número de fillos que se queren ter, e cando se queren ter, se se queren ter; e a dispoñer de información e educación sobre a propia sexualidade, así como o nivel máis elevado de saúde sexual e reprodutiva.

O proceso de reivindicación destes dereitos -empezando polo sexuais, e continuando polos reprodutivos- comezou nos anos 20 do século pasado. Mais aínda non existe, segundo lembran dende Paz e Desenvolvemento, unha convención internacional aceptada sobre eles. Por motivos políticos, financeiros ou relixiosos, estes dereitos son postos en causa diariamente en varios países por todo o globo, polo que a loita colectiva na súa defensa está aínda vixente, e "require a implicación de todos e todas".

Porén, a pesar de lembrar que as limitacións e as violacións continuas dos dereitos sexuais e reprodutivos son un problema común, dende Paz e Desenvolvemento subliñan que afectan, en maior medida e de xeito máis forte, ás mulleres, polo papel protagonista que durante décadas se lles conferiu no relacionado coa reprodución, e polas relacións sociais de desigualdade, exclusión e discriminación que as afectan nas esferas da vida pública e privada. Outros grupos vulnerábeis, tamén formados por mulleres, son os das persoas menores de idade; os emigrantes; as persoas presas; as persoas en situación de desprazamento forzado -os refuxiados-; e as persoas en situación de pobreza extrema.

Obradoiros e exposicións con mozos, mozas e mulleres
Considerando que o traballo nesta área é unha materia pendente, dende esta ONGD, realizaron o proxecto Saúde sexual e dereitos reprodutivos: o meu corpo é un territorio clandestino (unha referencia, en .pdf), no que tentan promover a educación e a socialización das persoas, de tal xeito que se lles poida axudar a ter autonomía para "tomar decisións referentes aos seus corpos e poder exercer o libre dereito de practicar (ou non) unha sexualidade sa, pracenteira e libre de culpa ou obrigas".

Na campaña promovida por esta ONGD puxéronse en marcha, en Galiza, unha serie de actividades formativas orientadas a diversos actores e actrices da realidade social e educativa galega. Concretamente, priorízase a comunidade educativa -profesorado e alumnado- de Secundaria e Bacharelato, así como as asociacións de mulleres -preferentemente rurais- e centros de mulleres. Entre as actividades que se detallan destacan os obradoiros formativos e as exposicións nos centros educativos, dirixidos ao público estudantil, aos pais, nais, e ao profesorado; e os cursos de formación e as exposicións fotográficas, dirixidos ás asociacións de mulleres e ao público en xeral. As actividades desenvolveranse até que termine o mes de maio.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: