O 23 por cento das chamadas internacionais no ano 2008 efectuáronse mediante tecnoloxía IP, das que o software de eBay supuxo máis dun terzo.
O tráfico de chamadas internacionais efectuadas a través do software Skype supuxo o 8% de todas as efectuadas no ano 2008, o que convertería a compañía propiedade de eBay no primeiro operador do mundo. Segundo os datos do informe anual de TeleGeography, Skype forneceu 33 mil millóns de minutos de tráfico de voz internacional.
Iso supuxo un crecemento do 41 por cento, fronte ao 12 por cento do tráfico de chamadas global, que acadou os 384 mil millóns de minutos en 2008. Ademais, das chamadas ofrecidas por Skype, 8,4 mil millóns de minutos foron a liñas tradicionais, é dicir, foron un servizo de pago.
Porén, Skype non é o único servizo de Voz por IP. Outros provedores acumularon o 23 por cento dos minutos internacionais, mentres que as liñas de toda a vida quedaron no 69% fronte ao 73% que supoñían no ano 2007.
O informe tamén destaca que a VoIP provocou un descenso de prezos nos operadores tradicionais, o que redundou nun beneficio tamén para as persoas que non fan uso deste tipo de software.