Grupos de apoio desprazaranse a Madrid para se manifestaren ante a Audiencia Nacional a prol de Santiago Mendes e Alexandre Bolívar.
O 4 de febreiro, esta cuarta feira, é a data fixada para o xuízo a Santiago Mendes e Alexandre Bolívar, acusados de lle prender lume a un cartón coa imaxe do xefe de Estado español, o rei Juan Carlos I, o 6 de decembro de 2007. Os dous mozos enfróntanse a sancións económicas, de 3.600 euros para Mendes e 5.400 para Bolívar.
O xuízo está anunciado para as 10.30 horas na Sala Central do Penal da Audiencia Nacional perante o xuíz José María Vázquez Honrubia. O fiscal Pedro Martínez solicitou que se lles impoñan senllas multas a Mendes e a Bolívar como autor material e cooperador necesario, respectivamente, dun delito de "inxurias á coroa española".
As conclusións provisionais do caso por parte do fiscal aseguran que os dous actuaron "de común acordo" e que acudiron á manifestación "con idéntico ánimo de menosprezar e vilipendiar publicamente" a figura do xefe de Estado español.
O colectivo Ceivar convocou a cidadanía e, especialmente, a militancia independentista do país a se desprazar a Madrid para asistir ao xuízo. Nós-UP tamén anunciou unha concentración perante a Audiencia Nacional media hora antes do inicio da vista.