A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra tamén denuncia esta semana a construción dunha ponte en Monte Porreiro que atravesa un espazo protexido.
Dobre denuncia esta semana saída da vixilancia que a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra sobre o contorno da comarca. En primeiro lugar, a APDR queixouse ante o Concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural das obras de acondicionamento de solo e construción de muros que Ence está facendo nos terreos de Lourizán, nun espazo situado no contorno da depuradora da empresa.
Segundo a denuncia da APDR, os operarios retiraron montículos de terra residual que fora estraída, "terra residual posíbelmente contaminada e da que nos preguntamos que se fixo con ela". Recordan desde a plataforma social que a empresa necesita de permisos das administracións advertidas para facer tales obras. É dicir, non só do municipio senón tamén de Patrimonio, xa que se trata duns traballos que se fan no contorno de protección do xacemento arqueolóxico de Sartán ou Praceres, "formado por unha serie de estruturas pétreas de adscripción crono-cultural romana, descubertas durante a execución das obras do ramal ferroviario a Marín".
Por outra parte, o colectivo veciñal carga tamén contra a nova ponte que está en proxecto de construción na zona de Monte Porreiro, e que, láianse desde a APDR, "atravesa un espazo catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria", unha figura de protección contemplada na directiva Hábitat destinada á conservación dos escasos ecosistemas ben conservados que quedan na Unión Europea. "Ademais do grave impacto que provocará nunha zona de alto valor natural, todo indica que ademais afectará de forma grave ao contorno dun ben de interese cultural e á calidade de vida dos veciños", denuncian, chamando ás administracións á procura de solucións para o tráfico crecente que non se fagan "a costa da destrución de ecosistemas protexidos, de danar o patrimonio cultural ou de afectar a calidade de vida dos cidadáns".