Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN NOVO MODELO DE RESIDUOS

Sogama, do lixo centralizado á corresponsabilidade do problema

Adega reabre o debate sobre a descentralización no tratamento de residuos. Fronte ás cinco plantas propostas pola Xunta, propón un plan comarcalizado.

R.V - 20:00 09/12/2008

Dende hai doce anos, Cerceda centraliza o tratamento de todo o lixo que xestiona a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). O municipio cercedense atópase totalmente desbordado polo lixo que até aló chega. A planta de Morzós (incineradora) non é quen de tratar a meirande parte das 900 mil toneladas de residuos que producen os 274 concellos adheridos á sociedade pública. Por iso, dende hai anos, o macrovertedoiro da Areosa é o único e pouco desexábel destino de boa parte do lixo que chega de todo o país. O propio Consello de Contas no seu informe de 2004 alertaba da insostibilidade deste modelo (ambiental e economicamente). Afirmaba que o futuro pasaba pola descentralización do modelo e pola recuperación do lixo na súa zona de orixe.

A Consellaría de Medio Ambiente xa anunciou hai meses a súa intención de comezar un proceso de descentralización que tería que concluir antes de 2017. O departamento que dirixe Manuel Vázquez prevé ampliar a planta de Nostián (A Coruña), reconverter a de Lousame, crear unha en Carballeda de Avia (O Ribeiro) e dúas plantas de compostaxe no Morrazo e en Lugo. As instalacións que ten Sogama en Cerceda empregaríanse exclusivamente para aqueles residuos que non poden tratarse no seu lugar de orixe.

Adega vén de reabrir este martes o debate. A asociación ecoloxista considera que a Xunta ten que acentuar o proceso de descentralización para tratar en orixe todo o lixo posíbel. Fronte ás cinco grandes plantas espalladas por toda Galiza, Adega considera que é máis racional un modelo de doce puntos de tratamento, cunha vocación máis comarcal.

O modelo proposto por Adega avoga por unha planta por cada unha das sete áreas urbanas de Galiza á que se sumarían outras cinco noutras tantas comarcas do país. Así ás plantas de Nostián e de Lousame sumaríanse outras de compostaxe en Ferrolterra, Deza, Salnés, Vigo, Ourense, O Morrazo, Costa da Morte, A Mariña lucense, Ribeira Sacra e Lugo-Terra Chá. Adega considera que esta é unha proposta de mínimos e que é facilmente asumíbel polo Goberno.

Poden ver aquí a proposta completa de Adega


4,71/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: