Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUADU, NENA SAHARAUÍ EN GALIZA

"Gustaríame que a miña irmá galega coñecese o Sáhara"

O documental "Seis estrelas", de Fernando Rodríguez e Xesús Prieto, achégase á vida de tres nenas saharauís e as súas irmás de acollida.

Redacción - 13:30 06/09/2008

Rosalía cuestiona a Suadu: "¿se puideses escoller, preferirías volver ao Sáhara ou quedar en Galiza?" e, despois dun longo silencio, Suadu contesta: "é unha pregunta moi difícil". Este é un momento do filme documental "Seis estrelas", unha cinta que dirixen Fernando Rodríguez Gómez e Xesús Prieto, e que se aproxima á vida cotiá de tres rapazas saharauís e as súas familias de acollida, principalmente as súas irmás. Son 25 minutos de duración que xiran en torno ás experiencias de Suadu Fatma e Hana e as tres nenas galegas Rosalía Ana e Andrea.

Un dos directores do filme, Fernando Rodríguez, explica que a idea deste filme xorde da súa propia experiencia persoal: despois de seis anos de acoller cada verán na súa casa a Suadu, esta experiencia vai ter que rematar. A nena vén de cumprir doce anos e xa supera a idade para volver a ser acollida pola que xa é a súa segunda familia. "Queriamos ter un recordo visual da súa convivencia con nós e reflectir o tipo de relación que establecen as nenas entre si" di Rodríguez, quen anteriormente traballou na produción doutros documentais e na elaboración de guións para series galegas. "Evidentemente, pola súa idade, as nenas non falan do conflito do Sáhara en termos políticos, pero si deixan entrever as distintas percepcións que teñen sobre este e sobre outros temas", adiántanos Rodríguez.

"Seis estrelas" estrutúrase en tres bloques: no primeiro deles exponse a situación dos campamentos de refuxiados; no segundo desenvólvense as conversas das rapazas, no que elas son as principais protagonistas; e no último, a modo de epílogo, téntase que os espectadores tomen conciencia do conflito saharauí. A equipa de traballo estivo conformada por cinco persoas e a produción correu ao cargo de Taller de Insomnios S.L. O documental presentouse en Compostela esta semana, e a previsión é que se poida presentar nalgún festival, así como tentar a súa exhibición na Televisión de Galicia.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: