Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Experimento" de seis meses

O goberno italiano decide sacar o exército a "patrullar" as cidades

A oposición critica a "militarización", e o ministerio de Defensa retruca que o 82% dos cidadáns están de acordo coa medida.

Redacción - 19:00 15/06/2008

Trátase unha iniciativa que formará parte do proxecto de lei sobre seguridade que elabora o goberno de Silvio Berlusconi e foi anunciada esta fin de semana por Ignazio La Russa, ministro de Defensa, durante unha entrevista en televisión.

"A xente só quere algo máis de seguridade e mellores condicións de vida", comentou o ministro, xustificando ademais a decisión aludindo a enquisas nas que o 82% dos italianos expresan o seu apoio a ese proxecto. O responsábel de Defensa tamén asegurou que inicialmente, o proxecto para que os soldados patrullen as rúas durará seis meses, prorrogábeis a un ano, e só incluirá a dotación de 2.500 soldados. O goberno outorgaríalle aos militares o dereito a pedirlle a calquera persoa que se identifique e a rexistraren o interior de vehículos.

A oposición italiana reaccionou contra a decisión, cualificándoa de "militarización do territorio", denunciando que se lle concedan ao exército competencias que lle corresponden á policía, advertindo de que creará "alarma" social e prognosticando que será ineficaz. Paradoxalmente, a iniciativa coincide coas estatísticas que sinalan que en Italia diminuíron os delitos comúns a pé de rúa mentres que aumentaron os delitos económicos.


1,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: