Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Actividades nos centros Sociais

Lembrando a Revolução dos Cravos en Boiro

O CS Aturuxo presenta unhas xornadas centradas no 25 de abril de 1974 na vila do Barbanza.

Redacción - 09:00 16/04/2008

O Local Social Aturuxo de Boiro vai desenvolver unhas xornadas, entre a sexta feira 25 de abril (o día propio) e o sábado 26 sobre a Revolução dos Cravos que terminou, en 1974, con décadas de ditadura en Portugal.

O programa comeza a sexta ao mediodía co rexistro dunha petición formal para que se lle dedique na vila de Boiro unha rúa á Revolução dos Cravos. Despois, xa pola tarde, han proxectar o documental As armas e o povo, un filme colectivo que retrata a primeira semana da revolución, cubrindo o acontecido do 25 de abril ao primeiro de maio de 1974.

A seguir haberá un recital poético con poetas portugueses e galegos e ás 23:30 horas tocarán os Ataque Escampe.

As actividades seguen o sábado
O sábado comezará coa elaboración dun mural coa lenda "O povo é quem mais ordena", e seguirá cun xantar portugués, o único que hai que pagar de todo isto (o resto de actividades son de balde), que se ha desenvolver no local e no que vai haber, entre outras cousas, o mítico bacallau á grella, viño verde e pan con manteiga salgada.

Pola tarde, ás 17:30 horas, comezará unha palestra sobre A influenza da Revolução dos Cravos na esquerda portuguesa, galega e mundial, na que han falar João Teixeira (ex deputado do Bloco de Esquerdas) e Xosé Manuel Beiras Torrado (líder do nacionalismo galego e teórico da esquerda). Máis tarde, ás 20:30 horas comezará unha nova palestra sobre a influencia da revolución, mais desta volta, na arte. Nesta aínda está por confirmar a presenza de X. M. García Crego. Ao terminar o último debate han tocar en directo Mini e Mero.

Como é un programa abondo completo, dende o CS Aturuxo agardan que veña xente de outros lugares de Galiza, polo que hai mesmo unha listaxe na que se pode apuntar todo aquel que queira ficar a durmir na vila, de balde.

Para quen estea interesado en asistir, está ao seu dispor o correo electrónico localsocialbarbanza@gmail.com, onde se deben dirixir dúbidas e, se se ten todo claro, apuntarse antes da terza feira 22 de abril. Hai que incluír, no correo, o nome e un número de teléfono ou correo de contacto.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: