Os estabelecementos doarán 0,20 euros por cada consumición en favor dun proxecto de desenvolvemento en Bolivia ao tempo que achega os mozos á cooperación internacional.
A ONGD Solidariedade Internacional de Galiza, organiza por noveno ano consecutivo a "Noite Solidaria". Unha proposta que, grazas á colaboración dos locais de ocio dos diferentes concellos galegos, trata de involucrar á xente nova no mundo da cooperación internacional. Comeza este sábado 3 en A Coruña, Vilagarcía, Ourense, Pontevedra e Ferrol e seguirá en Compostela o xoves 10 para rematar nos meses de maio e xuño en Portonovo, Cangas e Vigo.
A través desta proposta, que tamén conta co apoio de Cooperación Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, os estabelecementos participantes destinarán 0,20 euros de cada consumición, sen incrementar o seu prezo, para o financiamento dun proxecto de cooperación internacional. Nesta ocasión os fondos acadados están destinados a un proxecto de mellora da produción agrícola que Solidariedade Internacional de Galiza está a levar a cabo no municipio de Sorata, en Bolivia.
A iniciativa ten como finalidade colaborar para tratar de atallar os problemas que afectan a este municipio situado na rexión atlántica, ameazado por unha grande desnutrición causada por unha produción agrícola de subsistencia e o deterioro do medio polo uso irracional dos recursos naturais.
Calendario:
Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra e Ourense: sábado 5 de abril.
Compostela: xoves 10 de abril.
Portonovo, Cangas e Vigo: nos meses de maio e xuño.