O proxecto, no que participarán ao redor de 60 alumnos e mestres do instituto, ofrecerá modelos de documentación en galego e asesoramento lingüístico
A iniciativa ten como destinatarios diversos colectivos nos que a lingua galega está lonxe de funcionar de xeito normal, como son os avogados, os notarios ou as empresas de administración de predios. O proxecto está coordinado por Anxo Martínez, profesor do IES Porta da Auga de Ribadeo, e nel traballarán docentes do propio centro e ao redor de sesenta alumnos, inscritos de xeito voluntario. O centro facilitará un conxunto de documentos e modelos de uso frecuente, como contratos, actas, estatutos de constitución ou denuncias, todos eles en galego e en formato dixital, pois ademais serán distribuídos nun CD.
Outro dos grandes obxectivos desta campaña de normalización da lingua son as asociacións existentes en Ribadeo e a súa comarca. Realizaranse modelos de documentación tamén para eles e ofreceráselles asesoramento lingüístico. Na iniciativa tamén colaborarán o Concello de Ribadeo e máis a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que premiaron o proxecto. O Concello colaborará poñendo en contacto ao centro cos colectivos aos que se enfoca o proxecto, un labor que comezará á volta das vacacións de Nadal.
En calquera caso, en moitos casos, os servizos que se ofrezan serán á carta, axustados á necesidades e peticións dos interesados.
Galeguización da hostalaría
Este é o segundo proxecto de normalización lingüística que levara a cabo o centro. O ano pasado desenvolveu con éxito unha iniciativa de galeguización das cartas dos restaurantes do Concello, un proxecto que tamén foi premiado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Naquela ocasión participaron uns sesenta alumnos do instituto, que se inscribiron de xeito voluntario. Este ano Anxo Martínez calcula que o número de participantes, que xa comezaron a apuntarse no proxecto, será semellante.