Así o reflexiona o escritor Manuel Rivas no proxecto Photoclima, de Greenpeace. O colectivo usou o exemplo dos fondos mariños galegos para advertir da gravidade do problema.
"O chamado cambio climático, que soa a técnico eufemismo, non é o produto dunha fatalidade, senón da consecuencia dunha ditadura, baseada na codicia, a explotación e o terror sobre a natureza", escribe Manuel Rivas para este volume, "Non haberá excepcións, non haberá espazos inmunes, non haberá lugar para a humanidade, se non freamos esa impaciente e corrosiva ditadura global".
O próximo domingo 12 de novembro, o Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático das Nacións Unidas, merecedor do premio Nobel da Paz este ano, presentará en Valencia o seu cuarto informe de avaliación. Aproveitando a actualidade, Greenpeace presentou o libro Photoclima: Imaxes dun futuro afectado polo cambio climático. O volume inclúe varias imaxes tratadas informaticamente, que tratan de explicar as posíbeis consecuencias que en diversos lugares do Estado tería o cambio climático a medio prazo "se non se toman medidas de forma urxente". Entre os exemplos, aparecen os fondos das Cíes, dun lado na vizosa biodiversidade que acollen na actualidade e doutro o prognóstico do ermo en que poderían converterse.
"As decisións políticas deben asegurar que imaxes como as que agoira este libro non sexan imaxes de futuro: o futuro pode e debe ser outro", explica Raquel Montón, responsábel da campaña de cambio climático de Greenpeace.
No volume, que pode descargarse na web do colectivo, colabora tamén o escritor José Saramago. "Non seremos nada sen os nosos ríos, sen a auga que levan e sen a memoria que somos. Preservémonos mutuamente, xa que uns a outros démonos nome e recoñecémonos", relata o Nobel de Literatura.