Compañías líderes das novas tecnoloxías introdúcense no sector da telefonía móbil. Por se fose pouco, a seguinte vai ser Google.
Dende o éxito da entrada de Apple no mundo da telefonía móbil co seu iPhone, que non chegará ás tendas do país antes de 2008, outras empresas relacionadas coa rede pero alleas a este eido das telecomunicacións están comezando a sacar os seus propios trebellos.
Este mesmo venres saíu á venda no Reino Unido o teléfono do creador do software de telefonía por IP Skype. Chámase Skypephone, emprega a operadora 3 e xa hai imaxes e vídeos del na rede. O seu aspecto é máis convencional ca o aparello de Apple, aínda que posúe funcións interesantes: ademais de permitir facer chamadas de balde entre usuarios do servizo, inclúe engadidos como a televisión móbil, unha tecnoloxía que axiña se popularizará. O Skypephone tamén se vai distribuír en Australia, Austria, Dinamarca, Hong Kong, Italia, Irlanda, Macau e Suecia, onde 3 ten cobertura.
O seguinte en dar o paso, aínda que xa hai rumores dende hai tempo, vai ser o xigante da rede Google. O Gphone ou Googlephone promete ter un deseño innovador e unha aparencia semellante á do iPhone de Apple, con pantalla táctil e funcións aínda descoñecidas. O único que parecen confirmar os ruxerruxes da Internet é que usará Linux como sistema operativo, que incluirá todas as aplicacións de Google e que empregará a publicidade como método de xestión. Polo de agora non hai confirmación oficial do seu lanzamento, aínda que medios de certa credibilidade, como The Wall Street Journal, xa o deron por feito.